Fervenzas de Segade


Estamos en Caldas de Reis, xusto antes de entrar na vila vindo desde Padrón atopámonos cun refuxio de pesca no transcurso do río Umia e detivemos o noso camiño para explorar un pouco a contorna.


Cando o río non leva caudal poderás situarte entre as dúas fervenzas máis espectaculares percorrendo o camiño dos muíños, o máis difícil pero ao tempo interesante.


Unha pequena aldea con casas de pedra que actualmente seguen habitadas por amábeis xentes que che indicarán o camiño máis axeitado para chegar ao miradoiro e á fervenza principal no caso de que non poidas atopalo por ti mesmo.


Os camiños discorren entre pedra e vexetación, resultan moi acolledores e de dificultade media a baixa, aínda que nalgún tramo deberás ter coidado de non esvarar. Non te confíes demasiado e vai con roupa axeitada para facer sendeirismo.


O ambiente fluvial fai que o camiño sexa moi relaxante e espiritual. Os sendeiros son aptos para os pequenos da casa tamén, aínda que non recomendaría levalos por baixo dos catro ou cinco anos de idade, pois nalgún intre poderías ter que collelos no colo se queres percorrer por completo o lugar e, sino non só podería complicar o roteiro, tamén o faría máis perigoso.


Existe un camiño que leva a unha antiga e pequena central hidroeléctrica que para os máis cativos pode ser máis axeitado e seguro, pero non terás a posibilidade de admirar o lugar en todo o seu esplendor.


Esa central á que aínda se lle segue a coñecer coma "A fábrica da luz" foi construída no 1900 e abasteceu á veciñanza durante décadas ata que foi abandoada finalmente no 1955.


Non é o máis aconsellábel por mor do seu ruinoso estado, pero con moito coidado e vixiando ben onde pisas, podes aventurarte a explorar o seu interior.


Destaca aínda a súa impresionante torre que supoño será controlada polas autoridades locais, non vaia ser que por abandono fose no futuro a protagonista dalgún susto.


Con todo, non hai motivos para arriscarse a accidentes porque existe un miradoiro para o que o acceso é moi sinxelo e desde onde gozar das vistas da cascada. O que debo comentar con pena é que cando fomos, atopámonos cun ambiente que non se deixaba respirar por mor da peste que o dominaba. Os visitantes tiveran o mal costume de evacuar xusto ao carón do miradoiro e coido que máis ca do concello (supoño que limpa de cando en vez), neste caso a culpa era do propio turista. Aproveito para pedir respecto polos lugares que visitamos xa que non están aí só para nós, non sexamos egoístas e tratemos de mantelos limpos e a ser posíbel, sen mudar, colocar nin retirar nada. As lembranzas deben ir na nosa mente e na nosa cámara de fotos que servirá para estimulala.


Pero se finalmente decides rodear a central en ruínas poderás chegar ata a primeira fervenza. Todo un espectáculo! Teño que confesar que puiden ver a xente practicando sendeirismo pola outra beira pero o tempo a nós non nos chegou para continuar coa exploración. Trataremos de visitala noutra ocasión e capturar novas perspectivas. Por suposto, deixaréivolas caer por aquí.


Comentarios

Publicacións populares