Talcahuano e os seus leóns mariños


Talcahuano é unha vila mariñeira da rexión chilena do Bío-Bío, concretamente de Concepción. Nesta vila saben moi ben o que é vivir da mar, alimentarse da mar e, sobre todo, respectar a mar.


Non hai moito, un sismo atraeu á costa a un devastador tsunami que se cobrou case duascentas vidas humanas e que aínda a día de hoxe (a pesar do magnífico traballo de restauración que se levou a cabo) permanece marcado a lume na retina das xentes de Chile e nos edificios deste lugar, algún dos cales segue baleiro e irrecuperábel (coma acontece co vello mercado). Tamén a normativa actual obriga a deixar inhabitábel o andar baixo para evitar que poida ser asolagado en caso de repetirse a catástrofe.


Pero algo máis amábel que tamén coñecen as súas xentes son eses animais mariños chamados vulgarmente leóns mariños (ou tamén lobos marinos en español) e cuxo nome científico é Otaria Flavescens. Por suposto, en Chile tampouco pode faltar o mellor amigo do home: o can.

Pero ás veces, a convivencia non é sinxela entre humanos e bestas e non faltan grupos que decidiron tratalos coma pragas e saír cazalos a pesar das restritivas leis chilenas e da oposición da meirande parte dos seus habitantes e das asociacións en prol da defensa dos animais.


Tamén hai que ter en conta o reclamo turístico que supón esta especie, pois forma parte das atraccións que a vila ofrece aos visitantes que ademais de recordos e agasallos poden gozar dos menús ricos en peixes e mariscos, estrelas gastronómicas en Concepción.


Afeitos aos humanos, déixanse fotografar sen problema e ata me atrevería a dicir que son conscientes delo tal e coma me pareceu ao retratar a unha hembra que descansaba coa súa afamada parella.


Paréceme incríbel que no medio dun porto tan cheo de vida, aínda que as veces tamén de morte (coma nos lembra o gran Coloso que segue varado tralo paso da onda xigante á que non puido resistir), seres humanos e animais poidan convivir con tanta normalidade. Non sería a primeira vez que a un destes leóns mariños dáselles por atravesar a rúa por ver se atopa con  algo interesante no bar da esquina.


Porén, con tanto barco, tanto aparello e tanto animal, algún día tiña que racharse esa harmonía pois humanidade e natureza entran en conflito aínda que en ocasións, coma nesta, dun xeito totalmente accidental e non desexado.


Así ocorreu con este amigo de máis de tres metros e trescentos quilogramos de peso, famoso en toda a zona e mimado polo vecindario, pois o pobre animal quedara enganchado nunha soga e por mor do seu tamaño, o seu salvamento non foi nada sinxelo. Ao accidente seguíronlle varios días de sofremento e tensión ata que por fin os equipos de rescate o puideron liberar.


As súas feridas aínda son profundas e moi visíbeis xa que non está no mellor dos medios para poder secalas e curalas. A súa grosa pel funciona moi ben coma protección e é moi difícil de atravesar; pero iso tamén a converte nun obstáculo á hora de recuperala dunha lesión destas características. Ademais, o seu maior inimigo durante o rescate resultou ser el mesmo debido ao seu tamaño, forza e resistencia debido aos nervos. Finalmente tiveron que durmilo para poder soltarlle a corda que o estaba a degolar. Agora tan so nos queda desexarlle unha rápida recuperación.

Comentarios

Publicacións populares