"Vía Láctea, guía de peregrinos a Galicia"

"Vía Láctea, guía de peregrinos a Galicia" é unha exposición sobre fotografía nocturna dos fotógrafos galegos Daniel Lois e Daniel Llamas que retratan o centro galáctico desde distintas localizacións da comunidade galega. De primeiras, un evento moi interesante. Trátase dunha mostra itinerante pero que ata o día 26/09/2019 pódese gozar no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela.


Cartaz anunciador da expsición "Vía Láctea, guía de peregrinos a Galicia" de Daniel Lois e Daniel Llamas en Santiago de Compostela.


O primeiro que quixera dicir é que non debemos caer no erro de mesturar a calidade humana do artista coa do seu traballo, nin moito menos pretendo dar leccións a ninguén nin nada polo estilo, xa somos suficientemente maduros coma para termos formado e elixido o noso camiño e ética.

Coma afeccionado á fotografía cústame moito ás veces implicar a miña familia en eventos que teñen relación coa miña paixón e evitar que cansen con aquelo que a min me produce unha pausa temporal e fai que esqueza os problemas do día a día.

Cando admiro unha imaxe, gústame desmiuzala e analizala tanto desde unha ollada compositiva coma técnica e aproveito para explicarlles o que vexo e como me fai sentir.

Pero o pasado sábado tiven a mala sorte de coincidir con Daniel Lois a quen recoñecín de inmediato porque o seguía nas redes sociais (si, en pasado desde ese mesmo día) e ao que incluso cheguei a felicitar pola exposición recibindo pouco máis ca indiferenza, coma se en realidade fose eu un gran afortunado por poder admirar a súa magnífica, sublime e insuperábel obra (nótese ironía).

Achábase alí atendendo a un grupo de mulleres e tampouco pretendía eu que deixase esa tarefa para centrarse exclusivamente en min... faltaría máis!

Pero ese grupo marchou sen apenas ollar para a obra a pesar de que o fotógrafo deixou a pel en explicarlla con todo tipo de detalle. Entrementres, continuaba eu analizando as súas fotografías para a miña familia, nun ton audíbel aínda que respectuoso, amosando un enorme interese. A pesar diso, e de que eu xa rompera o xeo coa felicitación, o autor non tivo sequera a deferencia de interesarse pola miña persoa, sería se callar en parte porque levaba na man unha cámara réflex de iniciación... supoño que desde un primeiro intre decatouse de que eu era un mero afeccionado e que de 'pro' debíache ter ben pouco.

Porén, non dubidou nin un segundo en atender rapidamente dun xeito moi simpático e amábel, coma corresponde a un bo anfitrión a outra muller que acababa de entrar e que en dous minutos remataría a súa visita... o que eu sentín nese intre é que si fose unha muller xoven e non tivese estado acompañada por un home, posibelmente non tardaría en telo pegado as miñas saias facendo acenos e explicándome o moito que tivo que traballar nas fotografías.

A exposición pechaba as súas portas ás catorce horas e o autor abandonou a galería unha media hora antes, cando non tiña máis público feminino co que charlar agás a miña cónxuxe e a miña filla, tamén desprezadas.

A pesar do meu visíbel malestar (non son capaz de disimular o que sinto cando me ofenden), fun o derradeiro visitante en saír do local. Eu fora coa idea de gozar da fotografía nocturna e non do seu autor. do que nin tan sequera contara coa súa presenza... aínda que... sinceramente... sempre é un engadido.

Titular do artigo de "La Voz de Galicia" do día 09/09/2019, na edición de Santiago, no que falan do concurso e onde non só indican o título da exposición mal no titular senón que o reiteran no desenvolvemento da publicación.


Quero pensar que esa conduta foi máis ben inducida se callar por aqueles que lle promocionan e alimentan o ego con esaxeracións coma este titular de La Voz de Galicia no que o redactor non soubo sequera escribir correctamente o nome da exposición ("...de Galicia" en lugar de "...a Galicia") e onde a afirmación paréceme demasiado esaxerada coa cantidade de excepcionais fotógrafos nocturnos que existen... o feito de gañar un concurso non te converterá nunca no mellor, simplemente darache unha popularidade momentánea e un trofeo para a túa vitrina... se callar currículo tamén. Pero eu coñezo moitos fotógrafos que se adican ao mesmo e non se presentan a concursos, obtendo imaxes coma pouco igual de sorprendentes ca destes dous autores.

Fragmento da publicación de "La Voz de Galicia" do 09/09/2019 onde reiteran o erro demostrando que realmente non sabían de certo nin o título da exposición.


Pero deixando a un lado a parte persoal da exposición, voume a centrar tamén na propia presentación do traballo, da parte máis obxectiva e palpábel.

A galería onde está exposta a obra goza dunha estupenda luz natural grazas ás enormes fiestras exteriores. Porén, isto é unha arma de dobre fío xa que poden tamén producir un exceso de iluminación nalgún intre puntual do día dependendo da posición do sol e da ausencia de nubes no ceo, algo que non era frecuente en Compostela e de aí, supoño, o proxecto arquitectónico orixinal.

O material escollido para expor as imaxes era demasiado brillante e tiven que rematar agochado para poder admirar con xustiza as mostras.

Algunhas fotografías sofreran visíbeis danos durante o seu traslado, o cal adoita ser bastante frecuente neste tipo de eventos; pero a meirande parte, por non dicir todas, estaban sucias e marcadas pola graxa das pegadas de dedos que podían ser de espectadores ou tamén dos propios autores durante as súas efusivas paroladas ante o público feminino.

Precisei do meu tempo en cada fotografía e, coma dicía, fomos os derradeiros visitantes en despedirmos. O comisario ao cargo si que se fixou en nós e estivemos un tempo falando con el sobre o traballo e aproveitou para amosar as publicacións que estaban á venda en distintos formatos, todos eles de moi boa calidade. As láminas e os libros facían máis xustiza ao traballo artístico e fotográfico cas obras expostas na galería. Con todo, desgraciadamente e tras explicarlle detidamente os meus motivos e o meu enfado, marchamos sen mercar ningún produto destes autores.

Sentíndoo moito, a pesar de que eu si valoro (e moito) o traballo existente tras unha fotografía, penso que o autor debe a súa vez valorar e agradecer o esforzo e tempo que gasta o espectador en ver a súa obra. Sobre todo se pretende vivir dela. Pois ámbolos dous autores ademais de exposicións, adícanse a organizar talleres fotográficos aos que eu, desde ese sábado, teño moi claro que non me vou a apuntar, entre outras cousas porque de ter o gran pracer de coincidir con compañeiras femininas (e non se mal entenda, digo pracer porque sempre aportan puntos de vista distintos aos fotógrafos masculinos e porque tamén hai falla de máis fotógrafas nesta arte), é moi probábel que me volva tan invisíbel coma nas súas exposicións por moito que eleve a miña voz e penso que os meus cartos son tan valiosos coma os de calquera outra persoa, sexa do xénero que sexa.

Detalle retrato da estatua do arcebispo Alonso III de Fonseca no claustro do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela. Fotografía tomada cun iPhone X.


Conclusión:
As láminas e libros teñen unha pinta fantástica, tanto na presentación coma no formato. Un traballo estupendo. As fotografías, en xeral, gustáronme moito e penso que a calquera afeccionado á fotografía vanlle a encantar. Porén, tanto a presentación das obras expostas na galería (algunha das cales estaba tan sucia que nin se deixaba ver) coma a actitude de polo menos un dos seus autores, segundo a miña experiencia, foi todo un despropósito. Se tivese que pagar por ver a exposición, reclamaría a devolución dos cartos.

Se me aceptan un consello desde esta humilde e desinteresada opinión, diríalles que reflexionasen un pouco antes de asistir ao seu propio evento e se non ven mal no que fan, que sigan adiante, pero se por un casual lle queren dar unha volta... ás veces é mellor non ir que ir para fastidiala.

Comentarios

Publicacións populares