Canso do efecto seda


Ás veces, cánsame un pouco ese chamado efecto seda nas fotografías de paisaxe que inclúen motivos acuáticos, sobre todo en fervenzas. Un efecto que se acada grazas a velocidades de obturación lentas e para o que simplemente precisarás dun estabilizador para a cámara (sexa trípode, bolsa, chaqueta ou o que se che ocorra) e se a practicas durante o día, onde a luz non che permita baixar a velocidade sen queimar a túa captura, un filtro de densidade neutra.

O efecto seda tamén se pode facer coas nubes.




Porén, segue aínda fascinándome o mesmo efecto nos ceos con nubes e vento que as movan, e cando vexo unha imaxe así aínda fico un bo anaco enganchado nela. Atreveríame a asegurar que pode que me canse menos que coas fervenzas.

No canto das fervenzas, a miña opinión é que ás veces pasámonos co efecto. Un pouco de detalle na auga tamén se da a sensación de forza a ese espectáculo da natureza, mentres que co efecto sedoso relaxámolo, roubámoslle esa potencia.

Sentir a forza da fervenza tamén resulta sorprendente nunha imaxe.




Tamén é certo que parece que aproveitamos sempre o bo tempo para capturar fotos de fervenzas e as collemos co caudal moi minguado. Nese caso, igual lle presta mellor ese tipo de efectos, pero se disparamos cando están en plenitude, estou convencido de que lle restamos impacto visual á fotografía.

Comentarios

Publicacións populares