Fervenza de Pazos


Atopámonos no Concello de Silleda e estamos ante un dos maiores tesouros pluviais que ten a nosa Galiza. Un lugar rodeado de mesta vexetación e rocha, moi orgánico e salvaxe, interrompido só polo paso dos visitantes e os cables de alta tensión que abastecen de electricidade á zona. Se non fose por iso, non teriamos moita consciencia do preto que estamos da civilización.

Presume duns trinta metros de caída que remata rodeada por unha selva de árbores autóctonas que da gusto observar e gozar. Atopamos multitude de carballos, castiñeiras, sobreiras e moitas máis especies medrando en liberdade.


O río Toxa non é o máis caudaloso da zona. Nace ao sur de Silleda a uns seiscentos metros de altitude, moi preto tamén ao nacemento do río Umia. O seu camiño discorre dun xeito relativamente tranquilo durante os seus aproximados quince quilómetros de lonxitude ata a súa confluencia co río Deza onde se forma a fervenza de Pazos, tamén chamada Fervenza do río Toxa. Pero non esquezamos que a parroquia onde se localiza chámase Pazos e a índa que é unha das máis visitadas polo turismo de toda a comarca grazas a este salto fluvial, o seu nome parece totalmente anónimo. Por iso considerei de xustiza colocala xa no mapa xunto ao seu maior enclave e icona xeográfica.

Para chegar á fervenza non precisas de preparación moi específica. Recoméndoche acudir con roupa cómoda e apta para sendeirismo porque por sorte, actualmente está prohibido acceder con vehículos privados e o concello habilitou unha zona de aparcadoiro para que os poidas deixar sen perigo nin molestar aos sendeiristas.


Porén, non son poucos os visitantes vagos e cómodos que seguen a empeñarse en aforrar uns metros de traxecto e achegan os seus coches ata case o propio miradoiro, pero cando te atopas con alguén que non respecta o medio ambiente nin ás zonas naturais, pouco podes facer. O mellor é ignoralos e que sexan as autoridades os que fagan o seu traballo, algo que desgraciadamente, polo de agora, non tivo moita repercusión.

O camiño cara a fervenza, desde o propio miradoiro, é sinxelo, non presenta dificultade algunha e transcorre totalmente en pendente de baixada. Porén, a volta farase moito máis dura pois terás que subir todo o tempo e o camiño é máis longo do que che gustaría. A capacidade física do paseante verase posta a proba e non sería mala idea visitar esta localización con roupa cómoda e axeitada, propia de practicar sendeirismo.


Se chegas á fervenza, non desbotes o feito de poder pasear polos camiños construídos en madeira que che axudarán a percorrer o río pola súa beira, en pleno medio natural e, deste xeito descubrir novos saltos.



Se precisas descansar, podes facelo nas mesas e bancadas de pedra que se atopan na base da fervenza, ao pe da poza.

É, a fin de contas, un lugar sorprendente e moi recomendábel para afastar a túa mente durante unhas horas do mundanal ruído así coma o estrés e a contaminación que se viven en zonas urbanas.


Comentarios

Publicacións populares