"Lalibela, cerca do ceo"


Ata o día 3 de novembro de 2019, no Museo das Peregrinacións e de Santiago, situado na compostelana Praza das Praterías, podemos gozar dunha fantástica exposición fotográfica. Ante unha autora coma Cristina García Rodero, pouco máis temos que dicir.


Cartaz da exposición "Lalibela, cerca do ceo" de Cristina García Rodero


Cada unha das súas imaxes é unha auténtica delicia para os sentidos. O seu sutil tratamento monocromático xunto con ese xenial dominio da luz e aproveitamento do intre fai que o espectador quede enganchado en cada unha das imaxes.

A mostra achéganos a Lalibela, un centro de peregrinación cristiá que a pesar de ter sido declarado no 1978 Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO, todavía segue a ser bastante descoñecido polo público se o comparamos con outras peregrinacións coma a romana, a da Meca ou mesmo a compostelana. García Rodero fainos viaxar a Etiopía amosándonos unha fervente devoción en medio dunhas incríbeis construcións medievais. Escenarios sorprendentes de pedra e area que non te deixarán indiferente.

Unha colección de facianas e olladas, cuxas expresións quedarán inmortalizadas en retratos anxelicais e cheos de coñecementos ancestrais coma só esta fotógrafa sabe recoller a través da súa particular e recoñecíbel visión.



Algunhas das súas fotografías representan ademais toda unha lección maxistral a unha sociedade moderna e tecnolóxica na que ultimamente parece so que se busca a perfección na nitidez da imaxe e a máis alta definición, esquecendo a esencia real da fotografía. Sorprenderate ver coma o enfoque perfecto non sempre o é todo nunha imaxe... E non será porque a autora careza de técnica! Porque comprobarás que posibelmente vaia sobrada e anos luz por diante da meirande parte de nós, pero Cristina García Rodero ten unha especial capacidade para crear imaxes de momento que priman moitas veces sobre a técnica. Estou seguro que ficarás abraiado.

Polo menos así foi coma eu o vivín. Coma ven sendo habitual en min, no tempo no que outros visitantes percorrían o museo enteiro, eu so tiña avanzado media ducia de imaxes. Pero eu xa sei que son un caso moi particular e isto non quere dicir moito... de feito, adoito aborrecer aos meus acompañantes. Con todo, isto non muda que a exposición estea cargada de interese para calquera persoa que se sinta atraída pola antropoloxía, a relixión, as peregrinacións, ou fóra de todo elo, da mera fotografía. Calquera afeccionado á imaxe sairá do museo cun excelente sabor de boca.

As mostras están ben enmarcadas e impresas en gran formato. A única pega, por pórlle algunha, é que ao estar protexidas por cristal prodúcense brillos nalgunhas zonas debido a iluminación da galería e que poden chegar a molestar algo na súa observación. Pero entendo que é o xeito de impedir que as imaxes reciban danos debido ao transporte ou ao ambiente ademais dalgunhas visitas que non saben manter as distancias mínimas. Con todo, a pesar dese pequeno "pero", debo dicir que todas e cada unha das obras expostas estaban impolutas e non amosaban nin rastro de sucidade e, moito menos, marcas de pegadas.



Coma interese engadido, poderás aproveitar para gozar dunhas vistas un tanto especiais e singulares se cando remates o teu percorrido visitas o resto do museo, e chegas ao seu andar superior que posúe unhas enormes fiestras.

Antes de abandonar o museo amosei as fotos que saquei desde o meu móbil, porque non custa nada e porque quixera publicar algunha na Internet, aínda que non está prohibido fotografar mentres se faga con cámara de man e sen uso de trípode ou flash.

Conclusións:
Todo o resumiría cun nome: Cristina García Rodero... e coma comezaba... nada máis que engadir.

Se che gusta a fotografía e te perdes unha exposición coma esta, non deberías perdoarcho. No propio museo podes adquirir tamén obras da autora a prezos moi razoábeis. Recoméndoche o estupendo traballo sobre as tradicións da España máis profunda e concretamente sobre Galiza. Os galegos e as galegas debémoslle moito a esta marabillosa profesional a través da cal a nosa cultura chegou ser coñecida a nivel mundial e sobre todo, por nós mesmos. Sen ela, algunha das nosas tradicións teríanse perdido e esquecido hai décadas e para sempre.

Comentarios

Publicacións populares