O modo automático

Supoño que isto que vos conto hoxe traerá cola e remexerá os cimentos da meirande parte da fotografía "pro", pero xa estou ata o chapeu de tanto sibaritismo nunha actividade artística e da que ninguén naceu coa obriga de profesionalizar.


"Todos somos fotógrafos ata que nos atopamos co modo manual."
Ignorantes "profesionalizados"

Estarás canso, coma min, de escoitar ou ler esa frase na que critican as carencias técnicas dalgunha xente que quere practicar fotografía.

Estou totalmente de acordo en que no proceso de aprendizaxe fotográfica, a técnica é importante; porén, non o é todo nin moito menos.

Ao longo da historia existiron grandes fotógrafos e fotógrafas de recoñecemento internacional, uns afeccionados e que incluso nin chegaron ver a súa obra (coma Vivian Maier) e outros que si chegaron incluso a profesionalizar e marcar fitos coma o chileno Sergio Larrain, que non foron admirados precisamente pola súa técnica, senón que a súa obra baseouse principalmente no seu instinto compositivo e de anticipación.

Quero dicir con isto que para ser fotógrafo non precisas só de coñecer o triángulo de exposición nin caralladas dese tipo e, a día de hoxe, tampouco de técnicas de revelado ao igual que hai unhas décadas, coa fotografía analóxica, cando a meirande parte dos fotógrafos profesionais adicábanse a disparar e logo enviar os seus carretes ás editoriais ou laboratorios para que fixeran por eles ese traballo.

Porque igual pensades que os reporteiros de National Geographic tiñan a sorte de ver o seu traballo rematado en poucos días, ás veces tardaban anos ou incluso podemos dicir que moita da obra dalgúns xeniais fotógrafos seguen gardada en caixóns sen revelar.

Por sorte, coa chegada do mundo dixital, todo é máis inmediato e incluso podemos ver o resultado case antes de disparar.

Eu coido que ninguén porá en dúbida a profesionalidade e a arte que fotógrafos coma Tino Soriano amosan na súa obra; por certo, un deses fotógrafos fichados pola prestixiosa publicación anteriormente nomeada. Pois eu teño visto entrevistas nas que fala da súa técnica aclarando que dispara en modo "P" deixando as decisións á cámara agás a sensibilidade ISO maila compensación de exposición. Faino iso menos fotógrafo ou menos profesional? Estou seguro que non... xa me gustaría a min achegarme só a anos luz do seu facer!

Que pretendo dicirvos con isto? Pois que non vos deixedes amedrentar polo radicalismo, non temades a publicar nas vosas redes sociais imaxes tomadas en modos automáticos ou semi-automáticos, pois aínda que importante, a técnica non o é todo.

Por outra banda, fotografar neses modos, eu recoméndoo cando comezas para aprender a encadrar, para adestrar o instinto visual sen perder imaxes. Vendo as túas imaxes e visualizando os parámetros que a cámara elixe, tamén aprendes a técnica. Co tempo, quererás aprender a facer as cousas por ti mesmo e chegará o intre no que saberás elixir sen complexos o modo mellor para cada situación.

A meirande parte dos fotógrafos que critican os modos automáticos limítanse a situar a exposición a cero no seu exposímetro. Isto significa que deixan ao fotómetro da cámara decidir cal é a calidade de luz en cada intre e nin sequera portan un fotómetro de man... eu tampouco... eu fíome absolutamente do fotómetro da miña cámara pois entendo que os cartos que gastei na súa tecnoloxía foron un bo investimento. Do contrario estaríame a chamar sandeu a min mesmo. Se me fío do fotómetro, por que non o vou facer de que a mesma cámara sexa capaz de guiar a exposición a cero. Sabendo isto, coñecendo a técnica coma coñezo (que para iso a estudei), non teño vergoña nin complexos en admitir que en moitas situacións disparo en automático e iso non me fai menos fotógrafo ca un que dispara só en manual... se callar faime máis práctico.

Na miña humilde opinión, o que che marca coma fotógrafo é o impacto visual que teñen as túas fotografías, o saber se poden funcionar ou non. Por outra banda, non esquezamos que o principal é que che gusten a ti e que che fagan sentir ben porque non hai fotos boas nin malas, as imaxes pódenche gustar máis ou menos, dicir ou non dicir, facer sentir ou non... a fotografía é moi subxectiva. Non te deixes guiar polos "fotóns", pola "merda de foto", "boa", "mala", etc., e moito menos polos "gústame" nas redes sociais pois veñen marcados por modismos. Goza coa túa afección e se non aprendiches técnica, xa o farás, non te deixes afundir por comentarios tóxicos que non van máis alá desa apreciación. Aprende dos comentarios críticos, que che indiquen o motivo de que lles guste ou non unha imaxe; dese tipo de críticas avanzarás no teu camiño e poderás saber que foto está a funcionar e cal non... pero repito... primeiro dispara para ti e logo para os demais; facelo ao revés só deriva en frustración.

Agora deixo que me machaquedes nos vosos comentarios. Que opinades vos? O fotografar en modos automáticos mingua a vosa calidade coma fotógrafos?

Comentarios

Publicacións populares