O bólido


O bólido

Detivo a súa acabada de estrear berlina de alta gama na peaxe da autoestrada, abonou o importe correspondente e seguiu o seu camiño. Uns segundos antes saíra un pequeno utilitario que a pesar do seu tamaño debía posuír un bo motor baixo o capó porque amosou unha estupenda aceleración inicial. Con todo, nada comparábel á potencia do seu novo taxi. Dende había uns días podía presumir de ofrecer o servizo no mellor vehículo da cidade e iso garantíalle máis clientes de clase acomodada que sempre deixan maiores propinas. Foran moitos anos de duro esforzo ata acadar finalmente ese soño. Agora tiña a oportunidade de demostrar ao seu pasaxeiro que viaxaba no mellor e máis rápido transporte da zona.

Cando saíron da área de incorporación, nos propios carrís da autoestrada, dera alcance xa ao outro condutor e ámbolos dous circulaban á par; porén, o velocímetro marcaba xa os cento trinta e cinco quilómetros por hora, quince por riba do límite legal permitido pola normativa de tráfico vixente e non desexaba para nada soltar o acelerador e cederlle o carril a ese microbio que ousaba retalo. Para evitar un posíbel impacto, o outro condutor, lonxe de recoñecer a súa inferioridade, atreveuse a cambiar de carril retándoo a seguir a competición. Pero en que está a pensar? Vaia iluso!

O seu rival non parecía querer renderse e quedaban poucos metros para que a estrada debuxase unha curva máis pechada do normal polo que tomou a decisión de deixarse de parvadas e pisando ferro a fondo, puxo a súa máquina a douscentos quilómetros por hora adiantando ao outro vehículo sen deixar de estudar a faciana do outro condutor e de satisfacerse pola expresión de sorpresa que amosaba. Se callar aprendera unha lección: cos máis grandes non te podes meter.

***


Xurxo non chegaba a entender a reacción dese taxista que de súpeto puxérase na súa dereita nun momento no que xa non podería incorporarse á autoestrada de non terlle cedido o carril. Por sorte, pola súa esquerda non circulaba ninguén nese intre, porque do contrario, o condutor do taxi podería ter serios problemas para evitar estamparse. Tampouco entendía o motivo que puido levar ao condutor dun servizo público a non deixalo reincorporar de novo a pesar de non circular nada lento, tendo que reducir a velocidade para colocárselle detrás. Desde a súa posición, puido ver como o taxista chegaba á curva cun esaxerado exceso de velocidade es sofría serias dificultades para dominalo, índoselle varias veces na parte traseira antes de chegar a recuperar a estabilidade.

***


Xesús sentiu latexar sen control o seu corazón. Cando se subiu ao cómodo taxi agradeceu a súa sorte pola comodidade dos asentos do vehículo de alta gama que lle tocara, nunca tivese imaxinado o susto que lle deparaba o louco condutor que o guiaba.

A pesar da suavidade do coche e de que apenas podía notar o contacto co asfalto, puido sentir perfectamente como perdía o control ao chegar á curva e o vehículo deslizábase dun lado para outro perdendo a adherencia das rodas traseiras. Porén, decidiu ficar en silencio e evitar excitar a ese tolo e agradecer a calquera deus habido ou por haber o poder continuar a salvo a súa viaxe.

Con todo, tiña moi claro que non volvería contratar os servizos deste taxista no que lle restaba de vida... se non remataba ese día nesa maldita e cómoda caixa de mortos con rodas!

Créditos:

Texto: Anxo Dafonte, 2018
Imaxe: Jesse Zheng

Comentarios

Publicacións populares