O Halloween do galeguismo


Rematou o Halloween máis galeguista que lembro. O Samaín logrou por fin facerse un oco entre as grandes festividades nacionais.

O Samaín, o legado dos nosos antergos

Aproxímase o día de defuntos e os escaparates énchense de disfraces de temática terrorífica e mortuoria.

O Halloween o coñecemos desde hai décadas, non é un invento de agora. Non sabería dicir desde cando coñecemos esa festa anglosaxona pero case me atrevería a botarlle a culpa ao cine con producións coma "A noite de Halloween" ou "E.T. o Extraterrestre", entre outras onde viamos como a cidadanía norteamericana gozaba con esa festa tan parecida ao noso Entroido pero cunha temática concreta.

Co tempo enterámonos que mentres nós chorabamos a finados facéndolle con elo o agosto ás floristerías, noutras latitudes viñan de pasar unha das máis ferventes festas do ano.

Pouco a pouco, timidamente, comezaron a gozar coa celebración anglosaxona grupos de afeccionados que hoxe serían considerados 'frikis'.

"(...)chamarlle  Samaín vai en prol da miña galeguidade"

Coa chegada dese efecto chamado globalización e a facilidade de viaxar e emigrar das últimas décadas, haberá máis ou menos unha que a alguén se lle ocorreu que popularizando dita festividade podían retirarlle esa supremacía comercial ás floristerías e subirse ao carro do señor Euro e a publicidade comezou a normalizar unha festa estranxeira ata convertela no que hoxe é: unha importante fonte de ingresos para os centros comerciais. 

Sóavos esta historia dalgo? A min si, sóame ao día no que un home con mesta barba branca lle papou a merenda a tres persoaxes de alto alcume... sen contar que hoxe porta a vestimenta que unha marca de refrescos lle deseñou. Así é o poder da publicidade comercial!

Faltaba só convencer ao pobo de que non había motivo nin lugar para os remorsos e comezaron a botar unha ollada aos costumes máis antergos ata que apareceu o Samaín.

Seica trátase dunha antiga celebración das xentes que no seu tempo poboaron a nosa terra... disque os galegos e as galegas somos celtas... somos suevos... todo vale con tal de darlle xeito ao conto!

A realidade é que se botamos a ollada atrás podemos afirmar que somos africáns. Por que non adoptamos os seus costumes coma nosos?

Eu penso que non todo vale para facer caixa e menos xogar coa identidade dun pobo. Acolléndonos á orixe real do Samaín habería que estudar en profundidade como celebraban os nosos antergos esa noite e permitídeme dubidar que fora poñéndose un disfraz de zombi ou de vampiro.

Por iso, a pesar de que me gusta que se celebre o Halloween na miña terra, teño que confesar que me amola moito que traten de convencerme que forma parte da miña cultura e que chamarlle Samaín vai en prol da miña galeguidade.

Comentarios

Publicacións populares