Para galegxs, nós

Rematada a festividade de defuntos, por mor das importacións e aportacións de outras culturas ao noso xeito de vivila, descubrín a través das redes sociais que algúns grupos que presumen do carnet de galeguismo, están ademáis a librar unha encarnizada loita; onde, coma sempre, ninguén ten visos de victoria.

O galego normativo vs. reintegracionista


Está claro que nunca chove a gusto de todxs e que temos dereito a montar a nosa ideoloxía coma mellor nos pareza e conveña, pois as ideas sempre se amoldan ás conveñenzas de cada quen.

Sinceramente, non me importaría en absoluto que o galego fose coma os reintegracionistas desexan, e de feito, estou convencido de que dese xeito os nosos compatriotas veríanlle máis utilidade ca que pensan que ten e de seguro non habería tanta reticencia a estudalo e usalo pois o que máis escoito en contra da normalización da nosa lingua é que "non serve para nada máis ca falar entre nós".

Con todo, penso que a batalla entre o galego normativo e o galego reintegracionista non só e un absurdo senón que tamén contraproducente porque lle outorga valor a quen pensa que o idioma galego "cambia moito e non ten claro o camiño polo que debe ir", cousa que desde hai décadas é totalmente falso. Outros idiomas mudan moito máis e evolucionan a velocidades moito máis vertixinosas; chega con botar unha ollada as actualizacións do dicionario da lingua española ou inglesa.

"A propia RAG recomenda a consulta do dicionario portugués"

Ás veces parece que para unha parte da Galiza existen carnés de galeguidade segundo o acento do galego que fales e non prioridade por tentar que os galegos e as galegas apreciemos a nosa fala e a usemos con liberdade e naturalidade.

O que non soporto é que en lugar de adicarse a esa tarefa de normalización se malgasten forzas en pelexar pola supremacía e por ver quen é o máis galego ou a máis galega da nosa terra.

O galego normativo da RAG non será o que máis me convenza ou guste coma oficial, pero recoñezo que para os estudantes e novos falantes pode ser o máis sinxelo de aprender e adaptar á súa vida cotiá. A propia RAG recomenda a consulta do dicionario portugués coma primeira opción cando non se atope un vocablo no que publican eles mesmos, sendo o dicionario da lingua española o seguinte paso. Onde está logo a discriminación da lingua lusa por parte do galego normativo se forma parte da mesma norma?

Comentarios

Publicacións populares